Monday 29 de April de 2024

A Xunta analiza coas redeiras e coa confraría de pescadores de Cariño as necesidades dos profesionais da zona


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta semana as redeiras de Cariño e mantivo un encontro cos responsables da confraría de pescadores local para analizar a situación e as necesidades dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro da localidade. A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, salientou a importancia de seguir promovendo melloras nas condicións de traballo das redeiras, un elo chave para o sector extractivo da comunidade.

Estas xuntanzas enmárcanse nos contactos que mantén de xeito periódico a Consellería do Mar coas distintas confrarías de pescadores e asociacións do sector para estudar e coñecer as necesidades de cada zona e buscar posibles solucións. Rosa Quintana incidiu en que este tipo de encontros son especialmente relevantes en momentos de gran complexidade como o actual pois, unha vez superada a pandemia pola covid-19, apareceron dificultades como as derivadas da guerra en Ucraína ou a espiral inflacionista na que se atopa inmersa a economía.